31/12/12

UN ANO PARA LEMBRAR

Remata o ano, e con el vaise todo o bo baloncesto que nos deixou o 2012. Por exemplo, na web da ACB podemos visualizar un resume das grandes xogadas e dos mellores vídeos de todo o 2012. 
Desexamos que o 2013 traia boas novas para o noso club e para todos os seus integrantes, así como para os equipos do baloncesto galego. E que as seleccións españolas feminina e masculina fagan un gran papel nos campionatos de Europa de Francia e Eslovenia respectivamente.
Feliz 2013 a todos/as.


30/12/12

WEB "EJERCICIOS DE BALONCESTO"

Presentámosvos esta web de interese tanto para adestradores como para afeccionados : ejerciciosbaloncesto.org 
Nesta ocasión recupérase unha publicación de 1990, a revista Clinic, na que se inclúen contidos como o uso do regate, os ataques á zona, saques de banda,... Fai clic na imaxe para acceder á mesma.

29/12/12

ENTREVISTA EN REDONDELATV A DIEGO MÍGUEZ, ADESTRADOR DO EQUIPO SÉNIOR

Co gallo da presentación do Club Baloncesto Redondela, RedondelaTV mantivo unha entrevista a Diego Míguez, adestrador do equipo sénior. Podedes vela facendo clic na imaxe.

27/12/12

TORNEO BENÉFICO YESSICA MARTÍNEZ

O vindeiro domingo día 30 de decembro celebrarase no Campo de fútbol de Chapela un Torneo Benéfico en apoio de Yessica Martínez, moza de 17 anos afectada dunha enfermidade rara. Haberá fútbol 8 benxamín e logo un partido entre ex-xogadores do Celta e famosos. Toda a información sobre os distintos xeitos de axudar a Yessica Martínez atópanse nesta web.

25/12/12

CHARLA TÉCNICA DO ADESTRADOR ÁNGEL CARMONA

O técnico andaluz comeza falando sobre as carencias de técnica individual no baloncesto de Andalucía, as cales nos explica que son menos notorias no masculino (destacando Cajasol e Unicaja) que no feminino. As devanditas carencias técnicas rematan. Podedes entrar facendo clic nesta ligazón e no vídeo.


23/12/12

TORNEO "VIGO SOLIDARIO"

Os vindeiros mércores 26 e xoves 27 de decembro, os máis pequenos do club van participar no Torneo "Vigo Solidario" que se celebra no CPI de Panxón, no concello de Nigrán.
Haberá tres categorías: "baby", benxamín e alevín. Os nenos/as das dúas primeiras participarán o mércores e os xovés será a quenda dos alevíns. Os horarios figuran no seguinte cartel.

20/12/12

PARTIDOS DA FIN DE SEMANA

Nesta derradeira semana de competición de 2012 só os equipos infantil e cadete teñen partido. Farano ás 12 da mañá do sábado, o infantil no Seis do Nadal (Vigo) e o cadete en Salceda de Caselas.
Sorte aos dous equipos.

19/12/12

VITORIA HISTÓRICA DO OBRADOIRO NA CANCHA DO BARCELONA

Hoxe, vinte anos e vinte días despois, un equipo galego vence ao Barcelona no Palau Blaugrana. Dende o 29 de novembro de 1992 no que o OAR de Ferrol vencía en terrás catalás, nin Breogán, Ourense ou o propio OAR foran quen de conseguir a vitoria. E ademais o Obradoiro deixou ao Barcelona en 54 puntos, a cifra máis baixa dese equipo na súa casa dende que existe a liga ACB.
Gran partido do equipo compostelán que confirma a súa boa traxectoria na liga 2012-2013.
Podedes ler a crónica se facedes clic na foto. Máis abaixo podedes ver o vídeo.

 
E o sábado 22 ás 19:15 na TVG2 Bilbao Basket - Blusens Monbus.

16/12/12

PRESENTACIÓN DO CLUB BALONCESTO REDONDELA I


Onte sábado realizouse no IES Mendiño a presentación dos equipos do Club Baloncesto Redondela. Este ano contamos coa presenza entre nós do Alcalde de Redondela, D. Javier Bas que veu acompañado do Concelleiro de Deportes, D. Jesús Crespo. Ademais estiveron presentes os nosos patrocinadores, Cocinas Milord e Axa Seguros.
Comezou o acto cun concurso de tiros libres para os xogadores das distintas categorías. Tendes aquí algunhas imaxes dos participantes e da entrega de diplomas aos gañadores.







Logo comezou a presentación de cada un dos equipos: prebenxamíns e benxamíns, alevíns, infatís, cadetes e sénior. Fíxose unha foto conxunta na que se ve que a familia do baloncesto en Redondela segue medrando.





121 ANOS DE BALONCESTO

Hoxe hai 121 anos e un día que James Naismith, profesor de Educación Física do Canadá, inventou o baloncesto. Foi o 15 de decembro de 1891. Se facedes clic neste enlace podedes ver como principiou a historia do deporte da canastra.

12/12/12

PRESENTACIÓN DO CLUB BALONCESTO REDONDELA II


Na presentación do Club, logo de coñecer aos distintos equipos, fíxose un concurso de triples para os infantís, cadetes e sénior. Tendes aquí varias imaxes do mesmo e da entrega de diplomas.








E para rematar a xornada gozamos cun estupendo partido do equipo sénior que proporcionou unha nova alegría á súa cada vez máis numerosa afección fronte ao Salesianos de Vigo (54 - 40). Continúa así a súa xeira de bos resultados que o está levando aos postos altos da clasificación xeral.






A xornada rematou co sorteo de tres agasallos entre os socios do club. Os números premiados foron o 041, 053 e 124. Noraboa aos gañadores/as.
Dende aquí agradecemos ás persoas, organismos e patrocinadores que, co seu esforzo, fan posible ofrecer aos nenos/as e mozos/as de Redondela a posibilidade de practicar deporte, neste caso o baloncesto.

11/12/12

CARTEL DA PRESENTACIÓN

Tendes aquí o cartel da presentación do club a celebrar o sábado día 15 de decembro ás 18 horas no IES Mendiño. E logo todos/as a animar ao equipo sénior.

4/12/12

III Certame de Debuxo "O NADAL E O BALONCESTO"

A Federación Galega de Baloncesto, ante a proximidade das festas do Nadal, renova por terceiro ano consecutivo a convocatoria do seu Certame de debuxo: "O Nadal e o Baloncesto". Co obxectivo de configurar o deseño da Postal de Nadal que a FGB tradicionalmente envía durante esas datas para felicitar a todos os clubs, actívase a III edición desta proposta, na que para participar será preciso enviar unha obra e deseño persoal que agrupe determinadas especificacións, as cales se detallan facendo clic aquí. Participantes e Premios Poderán presentar os seus deseños e traballos para este propósito todos aqueles xogadores e xogadoras federados, que pertenzan ás categorías dende Preminibasket ata Cadete, e que desexen manifestar a súa afección cara a pintura ou o deseño, co BALONCESTO e máis o NADAL como motivos. A Federación Galega de Baloncesto galardoará ao vencedor absoluto deste III CERTAME cun premio de material deportivo valorado en 100 euros, así como cun televisor SAMSUNG 19" CLASS. 450 Series. LCD HDTV, cortesía de "la Caixa". O segundo clasificado recibirá un premio económico, nas mesmas condicións, por valor de 60 euros e un exemplar do libro "50 anos de Baloncesto en Galicia".

3/12/12

PRESENTACIÓN DO CLUB

Ao igual que na pasada tempada, vaise realizar unha presentación de todos os equipos do Club Baloncesto Redondela. Terá lugar o sábado día 15 de decembro no IES Mendiño a partir, probablemente, das 18 horas. Nela participarán todos os xogadores e adestradores do club. Haberá sorteos para os socios.

CARNÉS DE SOCIOS                                                                                                                          O día 11 de decembro é o derradeiro no que se poden entregar os cartos correspondentes á venda de carnés. Tamén a listaxe cos nomes dos novos socios/as. Deben facelo a Paula Ou Magdalena.

PETICIÓN DE NOVOS SUADOIROS E PANTALÓNS                                                                   Aquelas persoas que queiran mercalos teñen de prazo para facelo ata o día 15 de decembro. Os impresos poden solicitarllos a Magdalena ou Paula. Tamén pode descargarse facendo clic máis abaixo.
SEGUNDA NOTA SUADOIRO E PANTALÓN

1/12/12

ACB: O MELLOR DO MES DE NOVEMBRO

28/11/12

PARTIDOS DA FIN DE SEMANA DO 1-2 DE DECEMBRO

Tendes aquí á vosa disposición a xornada ao completo a disputar esta fin de semana polos nosos equipos. Debemos salientar na mesma o debut dos máis pequenos do club, que van participar no Torneo Baby no Pavillón de Navia o sábado pola tarde.
Se facedes clic no cartel podedes velo en tamaño grande.

CURSOS DE INICIACIÓN DE ADESTRADORES

A Federación Galega de Baloncesto, a través da súa Área de Adestradores, realiza a convocatoria dos seus cursos de iniciación de adestradores 2012 - 2013. Na Delegación Viguesa celebrarase no mes de decembro. As persoas interesadas xa poden inscribirse posto que é preciso ter 15 apuntados como mínimo, para a realización do mesmo.
Toda a información esta á vosa disposición se facedes clic na imaxe.

27/11/12

TORNEO "BABY" ESTA FIN DE SEMANA

Na tarde do sábado debutarán os máis pequenos do club. Farano na "I Jornada convivencia DKV Baby" a celebrar a partir das 16 horas no Pavillón de Navia (Vigo).
Despois todos os asistentes poderán presenciar o encontro da Liga Feminina 2 de Baloncesto que disputará o Celta de baloncesto e o Universidad de Oviedo.
Se fas clic no cartel podes facelo máis grande.

20/11/12

O SÁBADO VOLVEU O BALONCESTO A REDONDELA

O equipo sénior volveu xogar na casa o sábado día 24 de novembro. Nesta ocasión visitounos o Estudiantes de Pontevedra. Os nosos xogadores obtiveron unha nova victoria continuando coa súa boa traxectoria na liga.





Tendes aquí o cartel con todos os partidos nas distintas categorías. Facede clic nel para velo en grande.

19/11/12

INFORME SOBRE A OBESIDADE INFANTIL: COMO ATACALA

Neste artigo da área médica da Federación Española de Baloncesto trátase un dos problemas da sociedade actual: o da obesidade infantil. Analízanse as causas, tamén os erros máis frecuentes que cometemos na alimentación infantil e danse consellos para combater este problema. A súa lectura é moi interesante.

AQUÍ REPRODUCIMOS OS 10 CONSELLOS PARA COMBATER A OBESIDADE INFANTIL
1.  Efectuar un almorzo completo con leite, cereais, zumes naturais, xamón de York, pavo ou queixo.
2.  Comer polo menos 5 pezas de froita repartidas ao longo do día.
3.  Levar unha dieta variada que inclúa todos os grupos de alimentos: verduras, peixes, carnes, legumes,….
4.  Consumir auga ao longo de todo o día.
5.  Tomar zumes naturais de froita.
6.  Efectuar 5 comidas ao día, distribuíndo a inxesta en función das necesidades enerxéticas.
7.  Realizar actividades físicas diferentes á educación física do colexio.
8.  Substituír as lambetadas por froita e/ou iogures.
9.  Cear pronto para deitarse coa dixestión feita.
10.  Respectar os horarios de comidas, xogos e descanso nocturno.

14/11/12

PARTIDOS DA XORNADA 17/18 DE NOVEMBRO

SÉNIOR MASCULINO (4ª División - Grupo E | 5ª Xornada):

· RÍAS BAIXAS 'B' VS CB REDONDELA 
- Lugar: Pavillón do Berbés.
- Hora: Sábado 17 ás 20h.

CADETE MASCULINO (2ª División - Grupo E (1) | 7ª Xornada):

· APÓSTOL VS CB REDONDELA
- Lugar: Colexio Apóstol Santiago.
- Hora: Domingo 18 ás 12h.


INFANTIL MASCULINO (2ª División - Grupo E (2) | 5ª Xornada):

· COMPAÑÍA DE MARÍA VS CB REDONDELA 
- Lugar: Colexio Compañía de María.
- Hora: 
Sábado 17 ás 10h.

ALEVÍN MIXTO (Liga DVB - Grupo C | 2ª Xornada):

· LOS SAUCES VS CB REDONDELA 
- Lugar: Colexio Los Sauces.
- Hora: 
Sábado 17 ás 12h.

BENXAMÍN MIXTO (Liga DVB - Grupo B | 2ª Xornada):

· CB REDONDELA VS MARISTAS 'B'
- Lugar: Pavillón de Reboreda.
- Hora: 
Sábado 17 ás 12h.

SORTE A TODOS OS EQUIPOS!!!

(fai clic se queres velo máis grande)

11/11/12

TARDE DE BALONCESTO

Onte sábado tivemos unha tarde de baloncesto en Redondela. Os equipos cadete, infantil e sénior disputaron os seu partidos no IES Mendiño ante preto de cen espectadores.


O equipo sénior ofreceu unha nova vitoria aos cada vez máis numerosos siareiros. Tamén é salientable o debut esta fin de semana dos equipos alevín e prebenxamín.

7/11/12

PARTIDOS DA XORNADA 10/11 DE NOVEMBRO

Comeza a competición para os equipos máis pequenos. 
Se facedes clic no cartel podedes ver os distintos horarios, lugares e rivais en cada unha das categorías.

Este sábado ás 20 horas, o equipo sénior do Club Baloncesto Redondela enfróntase ao C.B.C. Eléctrica Sestelo. Agardamos a presenza de moitos seguidores no IES Mendiño para animar aos nosos.
 

O RÁCING CLUB CHAPELA PROCLÁMASE CAMPIÓN GALEGO DE BALONCESTO

O Rácing Club Chapela proclamouse onte Campión de Galicia de Baloncesto para deportistas discapacitados intelectuais. Con esta vitoria, o equipo do noso concello clasifícase para disputar o Campionato de España.
Os integrantes del equipo gañador foron José Gorrita, Francisco Somoza, David Riobo, Miguel Rei, José Barral, David Muñoz, Sergio Rodriguez, Cristian Sanjuas e José Luis Ezama.
Noraboa dende o Club Baloncesto Redondela.
Máis información en:
http://racingchapela.blogspot.com.es



CONCURSO FOTOGRÁFICO EN REDONDELA


A asociación cultural "Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy" anuncia a apertura do prazo do VII concurso  de fotografía.
A temática do traballo é libre.
O prazo de recepción das fotografías remata o 25 de Novembro.
O enderezo de entrega será no Circulo Cultural Deportivo de Cesantes:
Estrada Cesantes nº 28  CP 36693  Cesantes - Redondela.
As bases podense consultar na web www.estudoslocais.org
Animamos a todos os seguidores do blog e do baloncesto a participar neste concurso.

1/11/12

PARTIDOS DA XORNADA 3/4 DE NOVEMBRO

Este fin de semana só xogan os infantís, xa que os séniors non teñen liga e ós cadetes tocalles descansar dentro da súa. Previamente, os infantís e cadetes do Club xogaron un amistoso entre eles:

CADETE E INFANTIL MASCULINO (Partido amistoso | nº 1):

· CADETES CB REDONDELA VS. INFANTÍS CB REDONDELA
- Lugar: Pavillón do IES Mendiño (Redondela).
- Hora: Xoves
 1 ás 19h.

INFANTIL MASCULINO (2ª División - Grupo E (2) | 3ª Xornada):

· CB REDONDELA VS. SEIS DO NADAL 'C'
- Lugar: Pavillón do IES Mendiño (Redondela).
- Hora: 
Domingo 4 ás 12h.

25/10/12

PARTIDOS DA XORNADA 27/28 DE OUTUBRO

Aquí tendes os partidos desta xornada 27/28 de outubro. O equipo sénior masculino ten xornada de descanso:

CADETE MASCULINO (2ª División - Grupo E (1) | 4ª Xornada):

· SEIS DO NADAL 'C' VS CB REDONDELA
- Lugar: Colexio Seis do Nadal (Coia).
- Hora: Sábado 27 ás 12h.


INFANTIL MASCULINO (2ª División - Grupo E (2) | 2ª Xornada):

· SAN JOSÉ DE LA GUÍA VS CB REDONDELA 
- Lugar: Colexio San José de la Guía.
- Hora: 
Sábado 27 ás 12h.




19/10/12

PARTIDOS DA XORNADA 20/21 DE OUTUBRO

Este fin de semana comeza outra liga para o noso Club: debutarán os infantís masculinos:

SÉNIOR MASCULINO (4ª División - Grupo E | 2ª Xornada):

· AIREXA NIGRÁN 50 VS CB REDONDELA 51
- Lugar: CPI Panxón (localización en 3Dlocalización por satélite).
- Hora: Sábado 20 ás 20h.


CADETE MASCULINO (2ª División - Grupo E (1) | 3ª Xornada):

· CB REDONDELA 14 VS EDM CASELAS 96
- Lugar: Pavillón do IES Mendiño.
- Hora: Domingo 21 ás 10h.


INFANTIL MASCULINO (2ª División - Grupo E (2) | 1ª Xornada):

· CB REDONDELA 33 VS EDM SALCEDA CB CASELAS 60
- Lugar: Pavillón do IES Mendiño.
- Hora: Domingo 21 ás 12h.




11/10/12

PARTIDOS DA XORNADA 13/14 DE OUTUBRO

Este fin de semana comezan máis ligas, e no noso Club debutarán os séniors masculinos, ademáis dunha nova xornada dos cadetes:

SÉNIOR MASCULINO (4ª División - Grupo E | 1ª Xornada):

· CB REDONDELA 57 VS CB PUERTO VIGO 59
- Lugar: Pavillón do IES Mendiño (Redondela).
- Hora: Domingo 14 ás 19h.


CADETE MASCULINO (2ª División - Grupo E (1) | 2ª Xornada):

· PBB CANTEIRAS "B" VS CB REDONDELA
- Lugar: Pavillón Munipal de Porriño.
- Hora: Sábado 13 ás 10h.




4/10/12

PARTIDOS DA XORNADA 6/7 DE OUTUBRO

Este fin de semana comezan algunhas ligas, e no noso Club só debutarán os cadetes masculinos, un dos equipos novos deste ano. Sorte!

CADETE MASCULINO (2ª División - Grupo E (1) | 1ª Xornada):

· CB REDONDELA VS AIREXA NIGRÁN
- Lugar: CPI Panxón (localización en 3Dlocalización por satélite).
- Hora: Sábado 6 ás 20h.

27/9/12

NOTA INFORMATIVA: COTAS E EQUIPACIÓN


Benvidos/as todos/as ao CLUB BALONCESTO REDONDELA nesta tempada 2012-2013. 
Os equipos infantís, cadete e senior xa comezaron os seus adestramentos.

Comunicámoslles que a cota mensual a satisfacer a partir do vindeiro mes de outubro é de 15 euros. De ter dous irmáns inscritos, o segundo/a pagaría 12 euros. No caso de ser tres irmáns no club, o terceiro/a pagaría 10 euros.

O pago mensual realizarase na primeira semana de cada mes ao adestrador.

Tamén é posible facelo por media tempada (60 euros a principios de outubro e 60 a principios de febreiro) ou pola tempada completa (120 euros a pagar no mes de outubro).
De haber algunha familia que queira domiciliar o pagamento ou ben facer ingreso/s directo/s na conta do club, debe poñelo en coñecemento do adestrador, para que se lle facilite ese medio de pago.


EQUIPACIÓN DO CLUB BALONCESTO REDONDELA (pantalón e camiseta)

Sobre este tema a vindeira semana emitirase unha nota na que se ofrecerán máis detalles.
  
A XUNTA DIRECTIVA

24/9/12

COMEZAN OS ADESTRAMENTOS PARA OS NENOS E NENAS NADOS ENTRE 2001 E 2007

A primeira semana de outubro comezarán os adestramentos nos colexios para os nenos e nenas nados entre 2001 e 2007. Para anotarse, hai que facelo no centro de ensino respectivo.
No caso de estar matriculado noutro centro distinto dos que aparecen máis abaixo, podes mandar un correo a: c.b.redondela.chapela@gmail.com

Os lugares, días e horas que temos previstos son:

LUNS
  • CEIP ALEXANDRE BÓVEDA (CHAPELA): de 15:45 a 17:30 h.
  • ARCADE: de 16 a 17 horas.
  • CEIP DE CEDEIRA: 16 a 17:30 horas.
MARTES
  • CEIP SANTO PAIO DE ABAIXO (REBOREDA): de 16 a 17 h.
  • CPI CURROS ENRÍQUEZ (PAZOS DE BORBÉN).
 MÉRCORES
  • CEIP DE LAREDO (CHAPELA): de 16 a 17 horas.
  • CEP SANTA MARIÑA (REDONDELA): de 16:30 a 18 horas.
XOVES
  • CEIP OUTEIRO DAS PENAS (CESANTES): de 16:30 a 18:30.

18/9/12

HORARIOS DE ADESTRAMENTO

Nos seguintes cadros tendes os horarios de adestramento a partir da semana vindeira (dende o luns día 24). Mañá mércores será o derradeiro día no que adestren varias categorías xuntas.

CADETES MASCULINOS: nados nos anos 1997 e 1998.
(fai clic para ampliar a imaxe)


INFANTIL MASCULINO: nenos nados en 1999 e 2000.
(fai clic para ampliar a imaxe)

INFANTIL MIXTO: nenas e nenos nados no ano 2000.
(fai clic para ampliar a imaxe)

ALEVÍN: nenas e nenos nados en 2001 e 2002. Adestrarán no seu colexio un día á semana e todos xuntos os venres de 17:30 a 18:30 no IES San Simón.
(fai clic para ampliar a imaxe)